Mostrando entradas con la etiqueta 5ºEP. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta 5ºEP. Mostrar todas las entradas

5.5.25

Premiad@s: VII Concurso de Podcasts-Radio na biblio

 

Estamos en hora boa, o podcast de 5º de educación primaria resultou premiado no VII Concurso de Podcasts-Radio na biblio cunha produción propia, "A nosa herdanza", que recolle entrevistas a diversos membros da comunidade ou alleos á mesma e que gardan relación directa coa poesía popular oral, a que este ano se adica o Día das Letras Galegas 2025.

O podcast será difundido na páxina web da Radio Galega e na plataforma dixital A Galega Audio. A asignación do premio será destinada, tal e como recolle a convocatoria, a melloras no laboratorio de radio ou actividades relacionadas co seu funcionamento, sempre vinculado á biblioteca do centro.

Premendo no seguinte enlace accederedes á publicación realizada no blog do 3º ciclo de primaria, para informarse, para saber máis:

A NOSA HERDANZA DE 5º DE PRIMARIA

PARABÉNS A TOD@S! Produción propia que xa forma parte da grella de programas de Radio Balea, a Radio na biblio do CEIP Milladoiro de Malpica de Bergantiños.

13.3.25

Encontro con Sabela Fernández

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

No día de hoxe, o alumnado de 5º de primaria asistiu ao Encontro con Sabela Fernández Trelles, autora de A miña avoa, a miña heroína.

O exemplar, que forma parte dos títulos do Plan Lector 2024-25, reflicte os medos de Laura e a tan necesaria rede de apoio na que a súa avoa é a súa heroína. Un relato altamente emotivo no que algunha das alumnas lectoras se viron reflectidas.

Sabela dinamizou o encontro con diversos materiais cos que foi dando tratamento aos puntos clave da súa aventura literaria, fantástica ou real foi unha das preguntas, a que a autora respondeu que algo de realidade persoal tamén había na historia.

Agradecemos a editorial Xerais a posibilidade de contar con Sabela Fernández, e a escritora por regalarnos un relato tan noso: as nosas raíces, as relacións familiares, o benestar emocional...

O encontro pechouse coa entrega dun pequeno agasallo para que recorde este primeiro encontro na biblioteca do noso cole, así como coa sinatura de libros da que recollemos a seguinte frase de Sabela:

Vive e soña sen medo!

Grazas Sabela, esperamos novas aventuras literarias para volver... encontrarnos, emocionarnos!

18.2.25

Encontro con Icía e Xosé Manuel Varela

 

O alumnado de 5º e 6º de primaria mantivo un encontro cos autores de "Cantareiras", Icía e Xosé Manuel Varela.

Un libro no que fan un percorrido polo legado da música e a poesía popular: Pandereteiras de Mens, Eva Castiñeira e Adolfina e Rosa Casás; mulleres homenaxeadas o Día das Letras Galegas 2025.


Pecharon o encontro cantando e tocando, para celebrar a nosa rica tradición oral: patrimonio inmaterial que debemos conservar e preservar.

Agradecemos a Icía e Xosé Manuel a súa dispoñibilidade para vir a presentarnos o seu libro, que xa forma parte do catálogo da nosa biblio, con dedicatoria incluída.

.

7.3.24

Semana da Prensa: encontro con Abraham Carreiro

O alumnado de 5º e 6º de primaria mantivo un encontro dixital con Abraham Carreiro, director e editor do xornal da xente miúda: O Papagaio.

Un encontro que lles permitiu coñecer, de primeira man, a evolución do xornal desde a súa primeira publicación no ano 2016. Ao tempo, Abraham interesouse por Leo, a nosa serea lectora, e ilustrou, paso a paso, O Papagaio saudando a Leo; así como animou a nen@s a ilustrar o seu propio papagaio. Premendo na imaxe accederedes ao álbum de fotos da xornada.

Encontro con Abraham Carreiro

Agradecemos o bo facer e a amabilidade de Abraham Carreiro e esperamos contar cada curso coa súa colaboracion para seguir divulgando, dinamizando o xornal da xente miúda: O Papagaio.

18.5.23

DichoLeo: 5º e 6º de primaria

Presentamos as últimas pezas audiovisuais da nosa actividade de dinamización da lingua enmarcada no PDI NÓS: DichoLeo.

As aulas do 3º ciclo de primaria pechan as producións propias ao redor de vocabulario na nosa lingua.

Felicitar a ambos grupos polas súas producións audiovisuais.

No día de mañá, venres 19 de maio, celebraremos o noso Festival das Letras onde, ademais de gozar de cada unha das actuacións de aula, visualizaremos todas as producións propias que reunimos nunha soa presentación e á que podedes acceder premendo na seguinte imaxe.

DichoLeo

O vindeiro curso... máis!

19.10.22

Cancioneiro de Buño: presentación na sede da RAG

Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica

Cancioneiro de Buño, un dos exemplares doado polo Concello de Malpica a nosa Biblioteca, foi presentado, no día de onte, na sede da Real Academia Galega.

A esta presentación asistiu o noso alumnado de 5º e 6º de Primaria acompañados polos seus titores. Na presentación deron boa conta das coplas recollidas no libro que aúna dous mundos creativos: a olería e a literatura popular. Premendo na seguinte imaxe accederedes ao álbum de fotos da xornada.

Imaxe Real Academia Galega

Voltaron da presentación co noso exemplar asinado polo editor literario, o cal recolle na dedicatoria a importancia de valorar e salvagardar o noso rico pasado.

Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica

Agradecemos a doazón dos exemplares por parte da Concellería de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes do noso Concello, así como a saída complementaria do noso alumnado para asistir á presentación na sede da RAG.

Educando en comunidade!

Axenda 2030: ODS 4