21.2.21

Día da Lingua Nai

Hoxe, Día Internacional da Lingua Materna dende a nosa Biblioteca, o noso colexio queremos celebrar a vida da nosa Lingua Galega que segue tendo saúde grazas ás persoas que seguimos a mantela viva a través da fala, da escrita, da música...; e que mellor maneira de festexalo que rememorando a fermosa produción que fixemos coa canción "A palabra ten vida" de Paco Nogueiras.

Aproveitamos este post para agradecer a Paco Nogueiras que recolla na súa páxina web o vídeo final de Entroido 2021: SH do Milladoiro; pois celebramos un entroido bailando e cantando ao ritmo da canción do seu último traballo Extra!: "Superheroe, superheroína"; e o produto final gustoulle moito.

A palabra seguirá tendo vida na nosa pequena comunidade educativa e animamos a tod@s a dar de ler, de falar, de cantar, de bailar na lingua nai; xa que...

O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
e ese breve ronsel
que deixaremos nós.
De "A fala" de Manuel María

Feliz Día da Lingua Nai!

19.2.21

Día de Rosalía de Castro 2021

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega propón actividades varias arredor da figura de Rosalía e os seus doces cantares para conmemorar o seu Día (24 de febreiro)

Dende a Asesoría de BE tamén animan á participación e recollen o manifesto da AEGL, xunto coa listaxe de actividades nas Bibliotecas Escolares, entre elas, a nosa proposta a través do Laboratorio de Son e as cartas a Rosalía.

7.2.21

Días de...en GALEGO!

O científico Ángel Carracedo escribe un artigo para o xornal de divulgación científica GCiencia, co gallo do Día dos medios en galego. 

Picando na imaxe accederedes ao artigo.

Son de agradecer artigos nos que se pon en valor a nosa lingua para falar, escribir, divulgar en calquera ámbito, dinamizando o seu uso.

Nós, engadiríamos ao titular "o día dos medios en galego: Para eles" e tamén PARA ELAS, sen esquecer que esta semana, o 11 de febreiro , celebramos o Día da Muller e da Nena na Ciencia.

Por unha ciencia en galego e para todas e todos!