21.12.21

Nadal no Milladoiro!

Presentamos... Nadal no Milladoiro!

Dous produtos audiovisuais coordinados polo mestre de Música, Alfonso, para festexar o Nadal no Milladoiro.

Felicitamos @s nen@s polo gran traballo realizado, por transmitirnos día a día a súa ilusión e felicidade a pesares de todos os protocolos sanitarios que debemos cumprir.

Felicitar ao mestre Alfonso polo gran traballo de organización, produción e edición para poder vernos tod@s xunt@s nun Nadal no que seguimos sen ter "normalidade", pero que nunca nos falte un sorriso, unha canción que cantar e bailar.

Un fermoso agasallo nun Nadal singular.


15.12.21

Xabier P. Docampo: AS NOSAS LETRAS!

Exposición AS NOSAS LETRAS!

A imaxe reflicte a exposición AS NOSAS LETRAS! que inauguramos neste 1º trimestre para dinamizar lecturas de autores/as galegos/as que é imprescindible coñecer, valorar, divulgar.

A exposición estivo adicada ao GRAN MESTRE:  Xabier P. Docampo, que protagonizou a nosa proposta de actividades do 1º trimestre en relación coa oralidade, co noso PDI.

Premendo na imaxe accederedes ao álbum de fotos, entre as cales destaca a súa dedicatoria no exemplar "O misterio das badaladas" do día en que visitou o noso colexio. Un pequeno tesouro ben gardado e valorado na nosa Biblioteca.

Os grupos de 6º de Primaria, na sesión semanal Aprender a Investigar, ademais de elaborar o seu primeiro traballo documental arredor de Malpica e a Costa da Morte; finalizaron o trimestre lendo algúns dos títulos do escritor e elaborando a súa biografía, da cal daremos boa conta no 2º trimestre. 

Seguimos querendo... salvagardar o noso!

Axenda 2030


10.12.21

Guía de Agasallos de Nadal 2021

Presentamos a Guía de Agasallos de Nadal 2021, tríptico que se entregará a tod@s o último día lectivo do trimestre.

Exemplares diversos para agasallar nestas datas ou calquera día do ano, para compartir, para tod@s, PARA CONTAR!

Felices Lecturas!

24.11.21

Toupiciencia!

Toupiciencia

Toupiña e outros monicreques descubren o mundo da ciencia a través de diversas curiosidades que nos presentan en formato audiovisual.

Un proxecto de divulgación científica EN GALEGO, que conta coa colaboración de persoeiros do ámbito científico: Ángel Carracedo, Minia Manteiga, Elena Vázquez ou Jorge Mira.

Premendo na imaxe accederedes á páxina web de O Portal da Lingua Galega, onde se atopan aloxados os episodios para ver, preguntarse e seguir experimentando.

A seguir incentivando a curiosidade con Toupiña e amig@s!

18.10.21

Pondo cara a... 18 Escritoras Galegas!

Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica

Co gallo da conmemoración do Día das Escritoras (18 de outubro) e o tan próximo Día das Bibliotecas (24 de outubro) unimos ámbalas dúas celebracións a través da Tarefa Integrada a desenvolver no Laboratorio Documental, o cal estamos a implementar este mes de outubro.

Baixo o título "Pondo cara a...18 Escritoras Galegas" o alumnado porá en práctica a Formación de Usuari@s da nosa Biblioteca e a Alfabetización en Información para asociar cada título, cada nome e apelidos á imaxe da escritora correspondente.

Premendo na primeira imaxe accederedes ao álbum de fotos que as aulas irán subindo segundo vaian realizando a tarefa ao longo da semana.

A seguinte imaxe forma parte da proposta que se entrega ás aulas, premendo na mesma accederedes á información.

Imaxe CEIP Milladoiro
A investigar... para coñecer, para valorar!

ODS 4 da Axenda 2030

27.9.21

AC Raigañas: música e baile tradicional


Non puidemos ter mellor comezo para o noso PDI anual que a visita dos membros da Asociación Cultural Raigañas de Cerqueda.

O pasado luns 20 de setembro desfrutamos dos seus obradoiros de música e baile tradicional para achegarnos as nosas raíces, a nosa cultura; abrindo boca a un curso moi noso. Picando no seguinte enlace poderedes acceder as imaxes do día.

Agradecemos a visita de Rocío, Icía e David cos que gozamos do día ao son da gaita e a pandeireta, sen deixar de cantar e bailar.

Axenda 2030

10.9.21

Novo curso... novo PDI!

Benvid@s ao novo curso escolar 2021/22!
Iniciamos curso e inauguramos Proxecto Documental Integrado (PDI) para centrarnos en NÓS, no noso. 
O PDI nace, coma cada curso escolar, para integrar nas Programacións Didácticas de aula favorecendo a Aprendizaxe Baseada en Proxectos (ABP) a través de Tarefas Integradas que se nutran de Alfabetización en Información (ALFIN), sen esquecer os ODS da Axenda 2030 e a Competencia Emocional como contidos transdisciplinares favorecendo, sempre, unha educación proactiva, reflexiva e creativa.
Destacar que o lema elexido para este curso pola Asesoría de BE "A Biblioteca Escolar ten a palabra", poñendo o foco na palabra e a oralidade, estará integrado no noso Plan Lector Anual e no PDI como parte do mesmo.
Picando na imaxe accederedes á bitacora do PDI, enlace permanente no menú de navegación situado na parte superior deste blog.

Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica

Saudable e productivo curso a tod@s!

Imaxe ODS da Axenda 2030

11.6.21

Kalandraka TV_Experiencias lectoras: CEIP Milladoiro

E chegou o agasallo final, en formato audiovisual, da Editorial Galega Kalandraka.

O pasado mes de abril recibimos, encantad@s,  a visita do equipo de Kalandraka que nos fixeron entrega de agasallos lectores a tod@s e gravaron o noso proxecto de colexio, de Biblioteca.

Despois do traballo de edición, o resultado final publicáronno hoxe na súa páxina web á que podedes acceder premendo na imaxe.

Agradecer a Ricardo, Bea e Sagüillo como representantes da visita a súa amabilidade e bo facer.

Un agasallo, na recta final dun difícil curso escolar, EXTRAordinario!

Seguiremos creando experiencias lectoras, experiencias de vida xunt@s!

9.6.21

Este verán...PASA PÁXINA!

Presentamos a nosa guía de lecturas recomendadas para este verán, tríptico que entregaremos a todos/as o último día lectivo xunto cunha nova edición da nosa revista escolar DígochoEu!

Este verán...PASA PÁXINA!

28.5.21

A Xanela do Maxín: A viaxe de Saira

As aulas de 2º e 3º de Primaria desfrutaron, no día de hoxe, coa representación en streaming de A viaxe de Saira de A Xanela do Maxín.

Agradecer a Celtia Figueiras a súa atención contactando con nós, facilitando o encontro en liña e protagonizando o mesmo fantasticamente.

Seguimos creando...experiencias culturais!

17.5.21

Letras Galegas 2021

Presentamos en formato audiovisual os produtos finais do Laboratorio de Son adicado a Xela Arias en relación cos ODS da Axenda 2030: o mundo escríbese...con X!

Ante a imposibilidade de poder celebrar na nosa Biblioteca, coma cada curso escolar, o Festival das Letras este vídeo fainos sentir xunt@s reflectindo as experiencias poéticas e constructivas que se fraguan en cada grupo-clase na procura dun mundo mellor e se crearon implementando o penúltimo laboratorio de aprendizaxe do curso.

Non puidemos ter mellor mentora, no noso Mes das Letras, que Xela Arias: aquela nena de Sarria, aquela muller libre, inconformista, comprometida, rebelde vital e literaria.

Parabéns a tod@s, un laboratorio emocionante, creativo e moi, moi constructivo!

Seguimos...co último laboratorio do curso, o Laboratorio de Ideas: construíndo un mundo mellor!

11.5.21

Yolanda Castaño fala de Xela Arias

Dende Edicións Xerais de Galicia remítennos o enlace a este vídeo no que podemos desfrutar escoitando e vendo á escritora Yolanda Castaño falándonos de Xela Arias.

Recordar que contamos na exposición Leo le...LETRAS GALEGAS! co exemplar escrito por Yolanda Castaño Xela quixo ser ela. Biografía de Xela Arias.

A seguir conectando con Xela, festexando as nosas Letras!


8.5.21

Xela Arias, poeta

O Salón do Libro de Pontevedra, na súa XXII edición, ofrece en streaming algúns dos eventos da súa programación e un deles é esta sesión de contacontos ilustrado protagonizada Polo Correo do Vento dedicado a Xela Arias.

Un privilexio poder desfrutar dende as nosas casas dos faladoiros literarios e outros eventos desta edición 2021: EMERXENCIA LITERARIA! Os libros salvan o planeta

7.5.21

Xela Arias: biografía


Coñece a Xela Arias a través do genially elaborado polo Seminario Galán para conmemorar as Letras Galegas 2021.

Preme na imaxe para acceder ao mesmo.

Telexornal Xela Arias

Un curso máis, o CEIP dos Dices (Rois), achéganos o telexornal adicado á figura homenaxeada no Día das Letras Galegas traballando a alfabetización mediática; tal e como recolle a Asesoría de Bibliotecas Escolares na súa páxina.

Parabéns á comunidade educativa do cole dos Dices por sistematizar actividades significativas, de alta calidade e compartir a produción final coma valioso recurso para tod@s.

3.5.21

Leo le...LETRAS GALEGAS!

A exposición temporal Leo le...LETRAS GALEGAS! da continuidade ao noso Mes das Letras, recollendo exemplares de Xela Arias a quen a Real Academia Galega adica o Día das Letras Galegas 2021.

Exemplares para uso e desfrute na Biblioteca, nas aulas, no desenvolvemento do Laboratorio de Son que iniciamos este mes de maio para homenaxear a Xela Arias en relación coa Axenda 2030.

A seguir escribindo o mundo...con X!

9.4.21

Canle Xabarín Club!

Mesa pola Normalización Lingüística iniciou, no seu día, unha campaña para pór en marcha unha proposición parlamentaria, de iniciativa popular, ante a necesidade de recuperar a programación infantil e xuvenil en galego na televisión e así comeza o texto da proposición:

"A mediados dos 90, no século XX, Galiza situouse á vangarda dos contidos infantís e xuvenís coa programación do Xabarín Club da Televisión de Galiza. Con ela, non só se contribuíu á normalización da nosa lingua senón tamén á difusión da música, da produción audiovisual e escénica desenvolvida en Galiza" 

O xornal da xente miúda, O Papagaio, recolleu no seu número do mes de decembro esta proposta para ter unha canle 24 horas Xabarín. Podedes consultar todas as edicións do xornal na listaxe de enlaces situada na columna dereita deste blog.

Na web youtubeir@s anuncian que... Xabarín Club conta con canle propia en youtube! A desfrutar dos seus contidos, pois como ben di Xabarín: 

"vimos do pasado, camiño do futuro"


Se queredes facervos socios/as de Xabarín Club e recibir o voso carné, só tedes que picar no seguinte enlace:

Afíliate!

Longa vida a Xabarín!

10.3.21

Semana da Prensa: O Papagaio

Na Semana da Prensa queremos celebrar a nosa subscrición, dende hai varios cursos, ao xornal mensual: O Papagaio, xornal da xente miúda!

Un xornal creado no 2016 por Abraham Carreiro e editado por Edicións Moito Conto. Un xornal escrito en galego e sen publicidade, ameno e comprometido coa construción dun mundo mellor.

Seguimos informándonos, formando o pensamento creativo e crítico.

21.2.21

Día da Lingua Nai

Hoxe, Día Internacional da Lingua Materna dende a nosa Biblioteca, o noso colexio queremos celebrar a vida da nosa Lingua Galega que segue tendo saúde grazas ás persoas que seguimos a mantela viva a través da fala, da escrita, da música...; e que mellor maneira de festexalo que rememorando a fermosa produción que fixemos coa canción "A palabra ten vida" de Paco Nogueiras.

Aproveitamos este post para agradecer a Paco Nogueiras que recolla na súa páxina web o vídeo final de Entroido 2021: SH do Milladoiro; pois celebramos un entroido bailando e cantando ao ritmo da canción do seu último traballo Extra!: "Superheroe, superheroína"; e o produto final gustoulle moito.

A palabra seguirá tendo vida na nosa pequena comunidade educativa e animamos a tod@s a dar de ler, de falar, de cantar, de bailar na lingua nai; xa que...

O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
e ese breve ronsel
que deixaremos nós.
De "A fala" de Manuel María

Feliz Día da Lingua Nai!

19.2.21

Día de Rosalía de Castro 2021

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega propón actividades varias arredor da figura de Rosalía e os seus doces cantares para conmemorar o seu Día (24 de febreiro)

Dende a Asesoría de BE tamén animan á participación e recollen o manifesto da AEGL, xunto coa listaxe de actividades nas Bibliotecas Escolares, entre elas, a nosa proposta a través do Laboratorio de Son e as cartas a Rosalía.

7.2.21

Días de...en GALEGO!

O científico Ángel Carracedo escribe un artigo para o xornal de divulgación científica GCiencia, co gallo do Día dos medios en galego. 

Picando na imaxe accederedes ao artigo.

Son de agradecer artigos nos que se pon en valor a nosa lingua para falar, escribir, divulgar en calquera ámbito, dinamizando o seu uso.

Nós, engadiríamos ao titular "o día dos medios en galego: Para eles" e tamén PARA ELAS, sen esquecer que esta semana, o 11 de febreiro , celebramos o Día da Muller e da Nena na Ciencia.

Por unha ciencia en galego e para todas e todos!