14.11.22

NUNCA MÁIS!_20 anos despois

Imaxe catálogo KOHA

No día de onte, 13 de novembro de 2022, cumpríronse 20 anos da maior catástrofe ecolóxica: o afundimento do Prestige, buque petroleiro que tinguiu de negro a nosa costa galega.

Hoxe, recordamos a marea negra e a marea de solidariedade, a marea branca, que asolagaron a nosa fermosa terra: Galicia.

Do exemplar ¡NUNCA MÁIS! A ollada da infancia, dispoñible na nosa Biblioteca (premer na primeira imaxe para acceder ao catálogo) e publicado por Kalandraka, extraemos unha páxina con acrósticos que resumen moi ben o que sentimos ante tal traxedia, mais tamén o que agromou de tanta impotencia e rabia ante o acontecido: solidariedade, esperanza e unha chamada ao sentido común para que non pase...

NUNCA MÁIS!

Imaxe interior exemplar ¡NUNCA MÁIS!

3.11.22

Novembro 2022: Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas

Exposición Ciencia en Galego nas Bibliotecas

Iniciamos o Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas, co deber de coñecer e transmitir ciencia na nosa lingua. Seguimos a ver moi necesario máis libros de consulta (Ciencias Naturais, Ciencias Aplicadas...) na nosa fala, faise imprescindible que as editoriais aposten pola divulgación científica, para peques e maiores, en Lingua Galega.

No corredor do 1º andar, xa está a disposición, de tod@s, a exposición Leo le... Ciencia en Galego, con exemplares en galego e para traducir ao galego, para seguir preguntando, sendo curios@s, investigando, experimentando... (premer na imaxe para acceder á galería de fotos da exposición)

Recursos aos que sumamos os incluídos na seguinte publicación. NÓS imos compartir ciencia na nosa fala: o alumnado de 2º e 3º ciclo de E. Primaria expoñerá o método científico dos experimentos que argallen ao alumnado de E. Infantil e 1º ciclo de E. Primaria.

Pecharemos o mes de novembro experimentando coas gafas anáglifo e o mural Visión 3D. Seleccionaremos unha lectura, polo 25N, para compartir na aula e extraer unha valoración final; de maneira que entre tod@s elaboremos a nosa produción propia, o Decálogo 3D: Diálogo + Dereitos + Dignidade.

Un mes no que CIENCIA, FALA e IGUALDADE serán palabras clave, porque seguimos querendo cambiar o conto.

ODS-Axenda 2030

Xandobela: xogando co patrimonio

Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

A nosa Biblio acolleu, no día de hoxe, unha actividade cultural promovida por Xandobela, que mediante o xogo achegou ao alumnado de 1º e 2º ciclo de Educación Primaria o noso patrimonio.

Da man de Nerea, pedagoga e educadora social, coñeceron o proxecto Xogando co patrimonio e desenvolveron a actividade, participativa e lúdica, "Pegadas do noso": lendas, adiviñas, música, seres mitolóxicos...; Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia.

Agradecemos proxectos como o de Xandobela, que achegan información arredor do patrimonio galego aos máis pequenos para seguir valorando e salvagardando o noso.

Grazas a Nerea polo seu bo facer e polo agasallo final: un carné de investigador-a da cultura galega para cada nen@.

Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica

Na Biblioteca Milladoiro encantounos Xandobelar (palabra collida da xerga dos canteiros que significa xogar) co patrimonio.