Presentamos unha nova edición da nosa revista escolar. Revista na que se recolle o vivido ao longo dun curso escolar no que iniciamos novo Proxecto Documental Integrado: Marabillarte.
O vindeiro curso... nova publicación!
Bitácora do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CEIP Milladoiro de Malpica de Bergantiños. "Galicia somos NÓS: / a xente e máis a fala / se buscas a Galicia / en ti tes que atopala!" Manuel María
Presentamos unha nova edición da nosa revista escolar. Revista na que se recolle o vivido ao longo dun curso escolar no que iniciamos novo Proxecto Documental Integrado: Marabillarte.
O vindeiro curso... nova publicación!
Celtia Figueiras, de A Xanela do Maxín, voltou a nosa biblioteca para representar A Gran Viaxe das Letras Galegas, até Begoña Caamaño.
Unha obra con participación da cativada que percorre diversas épocas e autorías galegas. Unha viaxe emocionante a través da lingua, da historia e da cultura galega.
No día de hoxe, o alumnado de primaria asistiu, no Centro Cívico e Cultural de Malpica, a unha actividade ofertada polo Concello dentro da súa programación Malpica nun mar de letras.
O espectáculo Chaves invisibles é unha homenaxe a Begoña Caamaño, que da man de Vero Rilo e Luís Iglesias convida e entrar no universo literario, mediante a música en directo, da homenaxeada polo Día das Letras Galegas 2026.
Agradecid@s ao Concello por achegarnos, un curso máis, cultura na nosa lingua.
Feliz Día das Letras Galegas, todos os días do ano!
Presentamos, no Mes das Letras, o libro de produción propia no que a escritura creativa: narración, poesía, banda deseñada... reforza o uso da nosa lingua nai, de recursos como a mesa de luz e de espazos como a aula croma.
Parabéns por tanta imaxinación e creatividade, un libro para... MARABILLARTE!
No noso Mes das Letras, presentamos, un curso máis, as pezas audiovisuais creadas por cada grupo-aula para dar tratamento ás interferencias lingüísticas.
Alfabetización audiovisual e dinamización da lingua para seguir coidando e valorando a nosa lingua nai: o galego.
Fala galego todos os días do ano, DichoLeo!
Última exposición do curso, AS NOSAS LETRAS!, adicada a Begoña Caamaño homenaxeada do Día das Letras Galegas 2026.
Begoña foi xornalista, escritora e activista, mobilizándose sempre en defensa dos dereitos e das causas xustas. Muller que é imprescindible coñecer, xunto coas súas obras: Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle. Conmemorando a escritura en galego, a lectura, en palabras de Begoña Caamaño:
"Leo porque quero cambiar o mundo,
leo porque necesito facer habitable o meu mundo.
Entón, por que escribo?
Porque sentín a necesidade de me ler a min mesma”
Achegamos enlaces a recursos en liña para afondar na súa vida e obra:
Leo anímate a... marabillarte con Begoña Caamaño!
Conmemoramos o Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor 2026 coa exposición temporal que acolle o lema da Asesoría BEGA, Viaxe á creatividade.
Unha exposición a disposición da comunidade con diversidade de exemplares que animan a emprender unha viaxe en cada lectura: viaxes creativas, humorísticas, emotivas, lúdicas, informativas...
Achegamos enlace á Postal do Día do Libro 2026, agasallo de Eva Mejuto para as bibliotecas escolares de Galicia celebrando o libro e a lectura. Premer na imaxe para acceder á publicación da Asesoría BEGA.
Felices lecturas, hoxe e todos os días do ano!
Lecturas como as que realizaron os grupos-aula pola vila de Malpica, para exercer o dereito a ler en claquera sitio, divulgando a lectura e o libro. Premendo nos seguintes enlaces accederedes ás publicacións realizadas nos blogs de ciclo, lectura na rúa e merenda saudable:
Do 9 ao 15 de marzo conmemoramos a Semana da Prensa 2026 co expositor permanente do xornal O Papagaio.
Animamos á comunidade a facer uso do xornal da xente miúda, un xornal en galego que, atendendo á actualidade, achega diversidade de contidos con alto valor educativo.
Premendo no seguinte enlace accederedes á páxina web do xornal e ao seu quiosco dixital facendo uso das credencias dadas ao comezo de curso:
Un xornal, en soporte papel ou dixital, para seguir informándose e gozando da lectura como fonte de placer e benestar.
Presentamos a nova exposición temporal, Galegas nas artes, con diversidade de recursos bibliográficos para dar apoio á proposta de actividades relacionadas co PDI de centro, concretamente á Semana da Muller 2026.
Os grupos-aula contan con exemplares para informarse, para investigar arredor dunha muller galega destacada nalgunha das sete artes e redactar a súa biografía, proposta esta do equipo de 2º ciclo de educación primaria.
Muller, Galicia e Arte conforman o trío protagonista para conmemorar o 8M.
Seguindo o PDI de centro, conmemoramos o Día das Artes Galegas 2026. Este ano adicado a José Suárez, fotógrafo e cineasta galego para coñecer e valorar.
Premendo na imaxe accederedes ao documento no que se inclúe biografía, fotobiografía e actividades para iniciar a actividade proposta polo 3º ciclo de primaria: crear con diversas técnicas plásticas unha das súas fotografías, tal como fixeron @s cativiñ@s de 4º de infantil.
Leo anímate a... crear con José Suárez!
Exposición da que o alumnado de 4º de infantil fixo bo uso, celebrando o Día de Rosalía e desenvolvendo a biografía da autora en relación coa Semana da Muller 2026, adicada a mulleres galegas relevantes en diversas artes, e o PDI que nos ocupa.
Ao tempo, o alumnado de 3º de primaria realizou a proposta do equipo de BE-DL espallando a escrita de Rosalía de Castro.
Feliz Día de Rosalía, hoxe e todos os días do ano!
Un ano máis chega a guía de Nadal. Unha guía que recolle lecturas diversas para lectores/as divers@s.
Un Nadal cheo de palabras. Lecturas que acollen palabras emocionantes, divertidas, curiosas, rebuldeiras para compartir, informarse, rir...
A seguinte imaxe reflicte a exposición de Nadal, a cal acolle máis lecturas para agasallar.
Regalos para este Nadal ou calquera día do ano.
Presentamos o recurso creativo deseñado polo equipo de BE-DL para conmemorar o Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas.
Un recurso a disposición de toda a comunidade na nosa aula taller e que ten como obxectivo a búsqueda de información para programar o robot educativo elexido e chegar a casa correspondente do taboleiro robótico.
Un recurso para todo o curso escolar, conmemorando o Mes da Ciencia, o Día da Muller, dando tratamento á igualdade de xénero, a dinamización da nosa lingua e ao acceso á información, entre outros contidos.
Ao tempo, achegamos enlace a outros recursos dispoñibles no blog da Asesoría BEGA en relación coa conmemoración:
Por unha ciencia en galego e en igualdade... todos os días do ano!
O vindeiro luns 17 de novembro ás 11:00 horas terá lugar no Centro Cívico a entrega do I Premio "Na lingua que eu falo" da Real Academia Galega. Premio a toda unha comunidade implicada e concienciada na dinamización e normalización da nosa lingua nai.
A imaxe reflicte o convite que desde a Dirección do centro se remitiu a diversos membros, propios ou alleos á comunidade, e a cal queremos dar difusión desde o blog da nosa biblioteca.
As portas do Centro Cívico abriranse o luns 17 a todas/os as/os que queiran compartir coa nosa comunidade a entrega de dito galardón da man dos académicos da RAG.
Achegamos a nota de prensa publicada na páxina web da RAG:
Novo curso e novo recuncho na biblioteca, Apalabrando a Lingua. Espazo creado para a normalización e dinamización da Lingua Galega mediante un mural parlante para o cal facilitamos plantillas editables aos grupos-aula, co obxectivo de que adapten ás necesidades do alumnado o vocabulario a tratar na nosa lingua nai.
Ao tempo, organizamos, dotamos e creamos novos recursos para a biblioteca: pantalla dixital interactiva, teatriño, cartelería ou os sinalizadores en madeira para as exposicións, realizados coa cortadora láser do centro.
Un compromiso claro pola mellora da biblioteca e a dinamización da lingua, todos os días do ano.
Iniciamos curso coa exposición trimestral adicada a autorías galegas, AS NOSAS LETRAS!
No 1º trimestre celebramos a escrita de Fina Casalderrey, mestra, escritora e membro da Real Academia Galega. Autora que é imprescindible coñecer e... ler!
Ao tempo, a exposición é un excelente recurso para apoiar o itinerario lector de 6º de primaria, que acolle no Plan lector 2025-26 o exemplar de Fina, Dúas bágoas por Máquina. Exemplar ao que tamén darán tratamento no programa solicitado no presente curso: Clubs de lectura.
Leo anímate a... marabillarte con Fina Casalderrey!
Hoxe, Día Europeo das Linguas, celebramos o I Premio "Na lingua que eu falo" da Real Academia Galega (RAG) que foi concedido a nosa comunidade educativa.
Un premio que visibiliza o traballo silandeiro e continuo a prol da normalización e dinamización da nosa lingua, o bo facer de toda unha comunidade implicada na protección e conservación da lingua que nos é propia.
Premendo na seguinte imaxe poderedes acceder ao dossier de prensa, achegado pola RAG, no que se recolle a boa nova publicada en diversos medios:
Seguimos dinamizando a lingua, concienciando da necesidade de conservar o noso rico patrimonio, orgullo@s do noso, hoxe e sempre; tal e como se pode ver na seguinte produción audiovisual:
Agradecid@s á Real Academia Galega polo galardón concedido e...
PARABÉNS A TODA A COMUNIDADE!
Unha nova edición da nosa revista escolar DígochoEu!
Un curso no que pechamos PDI de centro e festexamos as Letras Galegas de maior identidade: a poesía popular oral, entre as homenaxeadas as Pandereteiras de Mens.
Tod@s contamos e temos moito que contar, tal e como se reflicte en cada páxina da revista.
O vindeiro curso... nova publicación!
Presentamos a guía de verán 2025, festexando a chegada dunha nova estación entre libros e outros materiais educativos para o tempo de lecer.
Un tríptico en formato papel que será entregado a toda a comunidade o último día lectivo, xunto cun exemplar da nosa revista escolar que tamén ofrecemos en formato dixital para poder acceder a máis información premendo en cada enlace.
Libros para todos os gustos, para divertirse, emocionarse, informarse e xogos para compartir en familia ou con amig@s.
Este verán, Leo le... a gusto!