28.10.22

Galibazas 2022

Presentamos, en formato audiovisual, a nosa tradicional exposición de cabazas do Samaín: 

Galibazas 2022

No presente curso, seguindo a proposta de actividades do 1º trimestre en relación co noso PDIsolicitamos a colaboración das familias para decorar cabazas moi, moi galegas: historia, arquitectura, música, paisaxe, tradicións, gastronomía... de Galicia

Parabéns, un Samaín máis, por tanta inventiva compartida en familia. Non deixa de sorprendernos a vosa gran creatividade.

19.10.22

Cancioneiro de Buño: presentación na sede da RAG

Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica

Cancioneiro de Buño, un dos exemplares doado polo Concello de Malpica a nosa Biblioteca, foi presentado, no día de onte, na sede da Real Academia Galega.

A esta presentación asistiu o noso alumnado de 5º e 6º de Primaria acompañados polos seus titores. Na presentación deron boa conta das coplas recollidas no libro que aúna dous mundos creativos: a olería e a literatura popular. Premendo na seguinte imaxe accederedes ao álbum de fotos da xornada.

Imaxe Real Academia Galega

Voltaron da presentación co noso exemplar asinado polo editor literario, o cal recolle na dedicatoria a importancia de valorar e salvagardar o noso rico pasado.

Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica

Agradecemos a doazón dos exemplares por parte da Concellería de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes do noso Concello, así como a saída complementaria do noso alumnado para asistir á presentación na sede da RAG.

Educando en comunidade!

Axenda 2030: ODS 4

16.10.22

NÓS... tamén escribimos!

Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica

Leo volta sorprendernos e... anímanos a mergullarnos na escrita, sendo escritoras e escritores no Milladoiro.

NÓS... tamén escribimos! será a actividade que nos unirá a tod@s, seguindo a nosa proposta de actividades e o lema elexido pola Asesoría BEGA,  coa máquina de escribir electrónica como ferramenta protagonista, a cal pasará por cada unha das aulas para crear a nosa produción propia. Premendo na imaxe accederedes aos recursos que facilitamos para seguir inFORMÁNDOSE.

Conmemoramos ao longo da semana o Día das Escritoras (17 de outubro) e o Día das Bibliotecas (24 de outubro) contando, tamén no corredor do 1º andar, co mural 18 Escritoras Galegas para pór en práctica a Formación de Usuari@s e alfabetización en información. 

Premendo na seguinte imaxe accederedes aos recursos que facilitamos para o desenvolvemento da Tarefa Integrada.

Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica
Imaxe CEIP Milladoiro.Malpica

ELAS... TAMÉN ESCRIBEN! Igualdade de xénero no ámbito da literatura, en todos os ámbitos, todos os días do ano.

3.10.22

PDI NÓS 2022-23

Presentamos as liñas xerais do noso Proxecto Documental Integrado (PDI) NÓS: patrimonio in-MATERIAL! que iniciamos o pasado curso arredor de Malpica e a Costa da Morte.

No presente curso ampliamos a mirada a nosa Comunidade Autónoma: Galicia, a cal será protagonista da proposta de actividades de centro e aula.

A necesaria transdisciplinariedade na Aprendizaxe Baseada en Proxectos (ABP) será base para unha educación pública e no rural de calidade, na que os ODS da Axenda 2030 e a Competencia Persoal, Social e de Aprender a Aprender serán imprescindibles.

A por un curso máis, valorando e salvagardando O NOSO!