11.5.10

Novo ataque á Lingua

A Consellería de Educación ataca aos galegos reducindo os libros en galego nas bibliotecas escolares (Vía Xornal de Galicia)
Carme Adán advirte de que coa nova Orde de Bibliotecas Escolares pásase de que, como mínimo, o 50% das adquisicións sexan de libros en galego a establecer que se debe guiar pola multiculturalidade do centro.

A portavoz de Educación do BNG no Parlamento Galego, Carme Adán, criticou hoxe que a Consellaría de Educación agasalle a Galiza na semana das Letras Galegas cunha nova medida no Plano de Bibliotecas Escolares que reduce a presenza do libro en galego.
Durante a comparecencia esta mañá do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no Pleno da Cámara galega a deputada do BNG reprochoulle que o agasallo do Goberno do PP na Semana das Letras Galegas sexa a decisión na nova Orde de Bibliotecas Escolares de pasar de que, como mínimo, o 50% das adquisicións sexan de libros en galego, a establecer que se debe guiar por un vago criterio de multiculturalismo do centro.
Carme Adán criticou que a fobia do Goberno do PP contra o galego chegase até este estremo, máxime cando os últimos datos revelan que só 4,3 dos libros que se mercan en Galiza son en galego, mentres que o 91% das compras de libros son en castelán. Non hai ningún compromiso concreto da Consellaría coas Bibliotecas escolares. Por outra parte, a deputada nacionalista criticou que o Plan presentado hoxe polo Conselleiro de Educación é apenas un conxunto de xeneralidades, que non contemplan ningunha medida concreta de apoio ás Bibliotecas Escolares de Galiza, nin dende o punto de vista lexislativo nin de apoio dotacional.
Carme Adán lembrou que se as bibliotecas escolares de Galiza son modélicas no Estado, é polo esforzo e voluntarismo do profesorado, que lle dedican horas fóra do seu horario laboral. Neste sentido, a deputada do BNG criticou que o Plan de Bibliotecas Escolares 2010-2015 a parte de non concretar orzamentos, non regula as bibliotecas e escolares e o persoal que as atende dende o punto de vista normativo, nin tampouco se apoia a dotación destes centros para adquirir fondos e mellorar as instalacións.

Por último, a parlamentaria nacionalista asegurou que o conselleiro de Educación veu hoxe facerse unha foto ao Parlamento cun plan propagandístico, que choca coa realidade da redución dos fondos para as bibliotecas a Consellaría de Cultura destinou un 60% menos para o equipamento das bibliotecas municipais, con que non se fixo ningunha medida no Ano da Lectura ou coa privatización do ensino público.
Resumo da intervención do Conselleiro

No hay comentarios: