17.5.09

DigochoEu!

De Digocho eu
Cada ano, o EDL organiza a publicación da nosa revista anual. Con motivo da celebración das Nosas Letras, todo o cole se pon en marcha para plasmar no DígochoEu! unha panorámica do que facemos durante todo o ano aula a aula, servizo a servizo. Todos e todas esmerámonos en publicar o millor do noso traballo. Previamente organízase un concurso entre todo o alumnado para debuxar a que será a portada desa edición. Eiquí queda unha mostra do que foron as portadas de tódolos anos xunto cos carteis conmemorativos que, tamén cada ano, a Biblioteca preparou para seren distribuidos polas aulas e achegar a figura dos homenaxeado/a de turno ós nenos e nenas. Tamén se poden ver os antecedentes da revista actual. Como podedes ver, paseamos desde a edición en multicopista e clichés ate a modernidade do offset. Un longo camiño que esperamos dure moitos, moitos anos máis.

10.5.09

Deitado frente ó mar

Os compañeiros do EDNL do Ceip Mestre Martinez Alonso de Mos, achégannos o enlace a esta canción do grupo Dios ke te crew. Trátase dun poema de Celso Emilio Ferreiro, importantísimo autor das nosas letras que morreu en 1979 e ten a cualidade de que a súa obra é rabiosamente actual e moderna. Mira, senon, este poema.

DEITADO FRENTE AO MAR
Lingoa proletaria do meu pobo,
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gaña;
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa nan saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.
Eu fáloa porque sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingoa.
Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruis e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os valeiros,
non falo pra os estúpidos,
que falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, dóce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño...