10.1.10

Sostenibilidade Linguística


A ONU proclamou o ano 2008 coma Ano Internacional das Linguas para pór de manifesto a necesidade de defender e preservar as linguas do mundo. Con ese motivo, as universidades catalanas, a través do Grup d´Estudi de Llengües Amenazades (GELA) publicou este Decálogo de sostenibilidade para os falantes.
Xenerosamente, a compañeira Adelaida Troncoso envíanos a traducción deste Decálogo que poñemos agora á vosa disposición. Para entender. Para facer opinión. Para clarexar posturas. Por se fixera falla.

1-Se respectuoso con tòdalas linguas.
Cando dis que unha lingua non che gusta, ou que non é útil ou importante, sen decatarte aplicas estes mesmos prexuízos ás persoas que a falan. Tódalas linguas son iguais e todas son diferentes.


2-Observa e escoita: interésate polas linguas do teu contorno.
Moi a miúdo a carón teu fálanse linguas que nin sequera sospeitas (imaxinas). Que non sabes nin como se chaman. Moitas veces saber o nome ou algunha verba é dabondo para demostrar que aprecias ós que te rodean, que non che son indiferentes. Dille “grazas” a alguén na súa lingua e de seguro que lle arrincarás un sorriso.

3-Non teñas medo de aprender novas linguas, sempre serán as túas aliadas.
Moita xente pensa que unha lingua ou se fala ou non se fala, que non hai termo medio. Ou que para facer entrar unha lingua no caletre ha de saír outra. Aprender, pouco ou moito, unha lingua non quere dicir esquecerse doutra, nin falala peor. Unha soa verba pódeche ser útil, e chegues onde chegues, unha miga é mellor ca nada. Sempre gañarás.

4-As linguas ábrenche novas perspectivas: non renuncies ás fontes de coñecemento que che ofrecen as diversas linguas.
Tòdalas linguas conteñen coñecemento e prodúceno de novo; non te limites ó inglés. Non deixes de lado aquilo que está escrito en linguas próximas á túa. A miúdo descubrirás que as podes ler e entender mellor do que pensas, e que as boas ideas non teñen lingua, ou que todas as linguas as teñen. As diferentes linguas expresan diferentes miradas sobre a realidade. Aprender linguas diferentes axudarache a ampliar miras.

5-Dá voz ós minoritarios e escóitaos.
Entre todos os minoritarios constituímos unha maioría. Non contribúas a acentuar o desequilibrio lingüístico, non trates as linguas con poucos falantes como non che gusta que te traten a ti. Se podes escoller, dálles prioridade ás que teñen menos altofalantes. Axúdaas a chegar a todas partes e elas axudaranche a ti.

6-Non impoñas linguas dominantes, replanta linguas ameazadas.
O escritor nor-catalán Joan Lluís Lluís di que a moitos cataláns do sur gústalles ir ó Rosellón a demostrar canto saben falar francés. Non fagas só de difusor das grandes linguas en detrimento das que teñen menos falantes. Mira de interesarte pola lingua que pode extinguirse: verás que é útil e necesaria, e contribuirás á reforestación lingüística.

7-Un pequeno mercado pode ser unha gran porta.
É importante non confundir a audiencia potencial coa real. Escribir ou falar unha lingua de moitos falantes non é ningunha garantía de ser escoitado. En cambio, falar coma os que temos máis á beira é facernos sentir. O importante non é a cantidade de xente que te podería entender, senón as persoas ás que de veras lles dis algunha cousa. Cando Shakespeare escribía, os anglofalantes non chegaban a seis millóns.

8-Practica a diversidade lingüística cando te movas polo mundo.
Aproveita toda a riqueza e diversidade que o mundo che ofrece se o escoitas. Non vaias a Gales ou a Malta soamente a aprender inglés. Proba a falar as linguas dos lugares que visites: canto menos se esperen os teus interlocutores oírte dicir cousas na súa lingua máis se alegrarán.

9-Preserva o teu espazo de liberdade: a lingua non cha poden quitar se ti non queres.
As linguas non son cousas, non se estorban unhas ás outras: non te deixes convencer do contrario. Seguramente ó longo da túa vida non sempre poderás falar na primeira lingua que aprendiches, pero sempre a poderás manter: é un coñecemento que che axudará a coñecer outras. Non o perdas: cantas máis linguas saibas, máis sabes da túa lingua e do mundo.

10-Non exclúas a ninguén dunha lingua.
As linguas, sobre todo as pouco faladas ou pouco estendidas, crean lazos invisibles, son sinais de benvida, transforman a un alleo nun veciño. Non prives ós outros de aprender e usar a túa lingua. Non lles digas coa lingua que non son dos teus. En Catalunya (Galicia), por exemplo, tamén se fala catalán (galego): non os deixes fóra da casa. O catalán (galego)é un pasaporte que non caduca: axúdalles a obtelo para sempre.

No mundo fálanse entre 4000 e 6000 linguas, das cales segundo as estimacións máis optimistas o 50% corren perigo de extinguirse nos próximos cen anos e o 96% son faladas soamente polo 4% da poboación mundial.
O número de falantes é un factor importante, pero non sempre é un bo indicador da saúde dunha lingua. As condicións óptimas que aseguran a vitalidade dunha lingua son complexas. Son unha conxunción de apoio institucional , a utilidade da lingua na esfera económica do país e utilización nos medios de comunicación globais , co sentimento de fidelidade dos falantes cara á lingua propia e a consideración que estes teñen dos seus símbolos identitarios.

O estudante lingüisticamente sostible valora as persoas, e por iso non espera que se subordinen. Valora a diversidade, porque é unha persoa libre e sabe que a liberdade implica non renunciar a ser quen es. Valora o coñecemento, porque o fai máis libre e humano. O estudante lingüisticamente sostible é consecuente, e por iso o seu comportamento lingüístico vai a favor das persoas, da diversidade e do coñecemento.

No hay comentarios: