20.6.25

Revista 2025

Unha nova edición da nosa revista escolar DígochoEu!

Un curso no que pechamos PDI de centro e festexamos as Letras Galegas de maior identidade: a poesía popular oral, entre as homenaxeadas as Pandereteiras de Mens.

Tod@s contamos e temos moito que contar, tal e como se reflicte en cada páxina da revista.

O vindeiro curso... nova publicación!

1.6.25

Guía de verán 2025

Guía de verán 2025 de bemilladoiro

Presentamos a guía de verán 2025, festexando a chegada dunha nova estación entre libros e outros materiais educativos para o tempo de lecer.

Un tríptico en formato papel que será entregado a toda a comunidade o último día lectivo, xunto cun exemplar da nosa revista escolar que tamén ofrecemos en formato dixital para poder acceder a máis información premendo en cada enlace.

Libros para todos os gustos, para divertirse, emocionarse, informarse e xogos para compartir en familia ou con amig@s.

Este verán, Leo le... a gusto!

30.5.25

Anxo Moure: natureza e tradición

 
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

O alumnado de educación infantil e 1º ciclo de primaria gozou cos contos e cantos de Anxo Moure. Contando, cantando e tocando animou a pequen@s e maiores, transmitindo o respecto, coidado e preservación do medio. Historias solidarias coa terra e as persoas que a habitan, defendendo o conto como ferramenta educativa, tal e como se recolle no proxecto de Anxo Moure: contos solidarios.

O seguinte vídeo é un resumo da divertida e educativa sesión con Anxo Moure.

Agradecid@s ao Consorcio Editorial Galego por facilitarnos a sesión e a Anxo Moure pola súa gran sensibilidade e amabilidade.

27.5.25

Axúdame a cantar

No día de hoxe, o alumnado de 5º e 6º de primaria asistiu e participou na actuación de Felisa e Montse, Axúdame a cantar, que se realizou no Centro Cívico e Cultural e dentro do programa "Nun Mar de Letras" do Concello de Malpica.

Finalizaron con agasallos en forma de libro para todas/os, Agora que vén a noite de Marcos Calveiro. Un exemplar que tamén catalogaremos na nosa biblio.

Agradecid@s ao Concello por facilitarnos actividades culturais, festexando... AS NOSAS LETRAS!

23.5.25

Galicómic 2025

Presentamos, en formato dixital, a terceira edición do noso Galicómic: produción propia de banda deseñada, en lingua galega, e facendo uso da fotografía ou a técnica croma key.

Nenas/os protagonistas das súas producións, en relación co PDI: natureza, saídas, respecto e coidado do medio, benestar persoal e social...

Produción propia que está en proceso de maquetación para ser catalogada na nosa biblio, valorando e custodiando as producións de todas e todos.

Un curso máis, parabéns a tod@s!

20.5.25

Encontro con Antón Cortizas

O escritor Antón Cortizas, mestre xubilado, mantivo un encontro coas aulas de 2ºA e 2ºB/3º de primaria para falar sobre o seu libro, "Os versos da mariola", incluído no Plan Lector das aulas.

Unha xornada entre libros, brinquedos de papel e xogos de palabras que tan ben argalla Antón. Ao tempo, asinou os exemplares do alumnado, da biblioteca e entregounos un fermoso agasallo en forma de libro, "Tenrura", tamén asinado polo autor.

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Agradecid@s a Antón pola súa amabilidade, bo facer e o agasallo en forma de libro para a nosa biblio (na imaxe o exemplar "Tenrura" da súa autoría, un fermoso agasallo asinado); así como a Edicións Embora que nos facilitou o encontro.

Todo un éxito de xornada na nosa lingua, entre libros e brinquedos!

17.5.25

Festival das Letras 2025

 
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Pechamos o noso Mes das Letras celebrando o Festival que xa nos é propio. Festival no que todas as aulas celebraron a lingua galega, a tradición oral, o noso rico patrimonio inmaterial e do que podedes ver e saber máis accedendo aos blogs de cada ciclo.

Un Festival no que soou e resoou a pandeireta, a gaita, as cantigas, o himno galego... en colaboración con familias e membros da comunidade, aos que agradecemos a súa participación; ao igual que ao Diario de Bergantiños por facerse eco da nosa celebración, como podedes ver e ler premendo na seguinte imaxe da portada do xornal.

Premer na imaxe para acceder á noticia

Hoxe, 17 de maio de 2025, a Real Academia Galega celebra o seu pleno extraordinario no mesmo Centro Cívico e Cultural de Malpica onde a nosa escola rendeu homenaxe a todas as cantareiras e pandeireteiras, a nosa rica tradición oral e cultural para seguir valorando e preservando o noso.

Imaxe de Ruth Caramés en www.nosdiario.gal

Feliz Día das Letras Galegas, hoxe e todos os días do ano!

12.5.25

Coa pandeireta na man


Peques e maiores divertímonos no Centro Cívico, grazas ao Concello de Malpica, coa música tradicional da man de María Faltri (voz e pandeireta) e Berto Rodríguez (guitarra): "Coa pandeireta na man".

Actuación activa que contou coa colaboración do alumnado, coas cunchas e o baile, para homenaxear as nosas cantareiras e pandeireteiras, a importancia da tradición oral.

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Agradecid@s, un curso máis, ao Concello por achegarnos cultura dentro do seu programa "Malpica nun mar de Letras" e os agasallos, en forma de chapas, a tod@s.

9.5.25

AS NOSAS LETRAS!: poesía popular oral

 
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Ao longo do curso, a exposición AS NOSAS LETRAS! seguiu adicada a escritoras/es galegas/os e homenaxeadas/os nas Letras Galegas: Concha Blanco, Rosalía de Castro e as cantareiras e pandeireteiras.

Exposición que foi mudando cada trimestre, renovando exemplares e facilitando novos códigos QR para acceder a recursos en liña.

Nas imaxes podemos ver a última exposición do curso, no noso Mes das Letras, e os carteis en homenaxe á poesía popular oral. Homenaxe que a Real Academia Galega celebrará no Centro Cívico e Cultural de Malpica de Bergantiños o vindeiro sábado 17 de maio, por ser o concello natal das Pandereteiras de Mens; tal e como se recolle na programación do Concello de Malpica que podedes ver na seguinte imaxe.

Agradecemos ao Concello de Malpica de Bergantiños a doazón que, como cada curso escolar, realiza polo Día das Letras Galegas. Na imaxe podedes ver os exemplares doados, que pasarán a formar parte do catálogo da nosa biblioteca:

A lingua galega soa e resoa na nosa escola, divulgando, dinamizando, valorando o noso rico patrimonio inmaterial: coidado, preservación e transmisión da lingua todos os días do ano.

Mes das Letras: recolleita de poesía popular oral

Presentamos o libro de produción propia "Poesía popular oral. Letras Galegas 2025", que grazas á colaboración das familias recolle variedade de coplas de transmisión oral.

Un produto final que pasaremos a maquetar e catalogar nas nosas producións propias.

Agradecid@s a todas as familias por legarnos o seu saber e poder atesourar a nosa tradición oral.

6.5.25

DichoLeo 2025

Presentamos, un curso máis, as pezas audiovisuais de cada grupo-aula no noso Mes das Letras.

Dinamizando a lingua e atendendo á alfabetización audiovisual, seguimos a dar tratamento ás interferencias lingüísticas e enriquecendo o vocabulario na lingua nai. 

Fala galego, DichoLeo!




5.5.25

Premiad@s: VII Concurso de Podcasts-Radio na biblio

 

Estamos en hora boa, o podcast de 5º de educación primaria resultou premiado no VII Concurso de Podcasts-Radio na biblio cunha produción propia, "A nosa herdanza", que recolle entrevistas a diversos membros da comunidade ou alleos á mesma e que gardan relación directa coa poesía popular oral, a que este ano se adica o Día das Letras Galegas 2025.

O podcast será difundido na páxina web da Radio Galega e na plataforma dixital A Galega Audio. A asignación do premio será destinada, tal e como recolle a convocatoria, a melloras no laboratorio de radio ou actividades relacionadas co seu funcionamento, sempre vinculado á biblioteca do centro.

Premendo no seguinte enlace accederedes á publicación realizada no blog do 3º ciclo de primaria, para informarse, para saber máis:

A NOSA HERDANZA DE 5º DE PRIMARIA

PARABÉNS A TOD@S! Produción propia que xa forma parte da grella de programas de Radio Balea, a Radio na biblio do CEIP Milladoiro de Malpica de Bergantiños.

14.3.25

Semana da Muller 2025

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Na nosa Semana da Muller 2025 realizamos un mural de centro, Elas... c@ntan!, para homenaxear a todas as mulleres que abriron camiño a moitas outras na conservación da nosa tradición oral e cultural. 

Todas as aulas realizaron as biografías de diversas mulleres bergantiñás relacionadas coa poesía popular oral e a música tradicional, poderosas ferramentas na mellora do noso benestar persoal e social:

  • Teresa dos Cucos de 2ºB-3º de primaria
  • Mª Xosé Silvar, máis coñecida como Sés, de 4º de primaria

Un trimestre no que contamos con visitas moi especiais, na biblioteca ou nas aulas, para informarnos, realizar entrevistas, contar, cantar... e así desenvolver as diversas biografías.

Parabéns a tod@s polos valiosos produtos finais e feliz Día da Muller, hoxe e todo os días do ano!

13.3.25

Encontro con Sabela Fernández

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

No día de hoxe, o alumnado de 5º de primaria asistiu ao Encontro con Sabela Fernández Trelles, autora de A miña avoa, a miña heroína.

O exemplar, que forma parte dos títulos do Plan Lector 2024-25, reflicte os medos de Laura e a tan necesaria rede de apoio na que a súa avoa é a súa heroína. Un relato altamente emotivo no que algunha das alumnas lectoras se viron reflectidas.

Sabela dinamizou o encontro con diversos materiais cos que foi dando tratamento aos puntos clave da súa aventura literaria, fantástica ou real foi unha das preguntas, a que a autora respondeu que algo de realidade persoal tamén había na historia.

Agradecemos a editorial Xerais a posibilidade de contar con Sabela Fernández, e a escritora por regalarnos un relato tan noso: as nosas raíces, as relacións familiares, o benestar emocional...

O encontro pechouse coa entrega dun pequeno agasallo para que recorde este primeiro encontro na biblioteca do noso cole, así como coa sinatura de libros da que recollemos a seguinte frase de Sabela:

Vive e soña sen medo!

Grazas Sabela, esperamos novas aventuras literarias para volver... encontrarnos, emocionarnos!

11.3.25

Charo Pita na Semana da Muller 2025

 
Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Conmemoramos a Semana da Muller 2025 coa visita de Charo Pita, que encantou a pequen@s e maiores de Educación Infantil, 1º, 2º e 3º de primaria.

A animación á lectura de Charo xirou ao redor de diversas Mulleres intrépidas e verdadeiras como Mary Kingsley, así como @s cativiñ@s do Milladoiro se recrearon cos seus monicreques e contos cantados.

Ao tempo, narrou un exemplar da súa autoría, Valentina Nunca Calas e o Monstro da Media cara, no que a valentía de Valentina fai minguar o Monstro da Media cara. 

Unha experiencia de narración oral do máis divertida!

3.3.25

Entroido 2025

 

Este ano festexamos "Un entroido do máis natural" co deseño de disfraces acorde ao PDI deste curso, "Medicus curat natura sanat". Deste xeito, os alumnos e alumnas foron de insectos, animais exóticos, flores, ovellas...Podedes ver todas as fotos da xornada premendo no seguinte enlace: Entroido 2025.

23.2.25

Día de Rosalía de Castro 2025

Como cada curso escolar, conmemoramos o Día de Rosalía de Castro seguindo o lema da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Destacamos a recolleita de poesía popular oral, grazas á colaboración das familias, que permitiu que cada aula gravara en Radio Balea diversas coplas, as cales tamén se recollen nas plantillas das pandeiretas que compoñen o mural adicado a Rosalía de Castro, "Saúde e Terra!".


Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Hoxe, e todos os días do ano...

SAÚDE E TERRA!

FELIZ DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO!

21.2.25

Encontro con Lupe Blanco

Todas as aulas de primaria mantiveron un encontro con Lupe Blanco, grazas a cal se achegaron a poesía popular oral e crearon coplas para o noso entroido: un entroido... do máis natural!

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Una xornada divertida e creativa, na cal cada aula, coa axuda de Lupe Blanco, foi creando unha copla adicada ao seu disfraz.

As coplas finais podedes escoitalas premendo no seguinte podcast, grazas a colaboración de: Candela, Clara, Dania, Noela e Marco G. (voces) e a mestra Susana (pandeireta):

Agradecemos a Lupe a súa dispoñibilidade e bo facer, nunha xornada na que a poesía popular oral foi a protagonista para achegar a comunidade as nosas tradicións e valorar a nosa lingua nai, nun día coma hoxe no que conmemoramos o Día da Lingua Materna.

18.2.25

Encontro con Icía e Xosé Manuel Varela

 

O alumnado de 5º e 6º de primaria mantivo un encontro cos autores de "Cantareiras", Icía e Xosé Manuel Varela.

Un libro no que fan un percorrido polo legado da música e a poesía popular: Pandereteiras de Mens, Eva Castiñeira e Adolfina e Rosa Casás; mulleres homenaxeadas o Día das Letras Galegas 2025.


Pecharon o encontro cantando e tocando, para celebrar a nosa rica tradición oral: patrimonio inmaterial que debemos conservar e preservar.

Agradecemos a Icía e Xosé Manuel a súa dispoñibilidade para vir a presentarnos o seu libro, que xa forma parte do catálogo da nosa biblio, con dedicatoria incluída.

.